sábado, 2 de marzo de 2024

Músicas

 Cada día son máis as mulleres músicas que enchen o panorama musical  abarcando todos os xéneros e estilos, reivindicando  dereitos e igualdade para as mulleres.

 Para celebrar o 8 de marzo escoitaremos e cantaremos algunhas das súas propostas. 

Ses e Diluvi   E TI SO TI



A banda da loba xunto con varias artistas galegas dannos a súa versión de  MORRA O CONTO


As fillas de Casandra  VARRE VASOIRA

Tanxugueiras e Rut Lorenzo  REINA

E para rematar déixovos este proxecto musical,formado por tres mulleres galegas, que nos achega unha visión nova da música de cámara a través de tres instrumentos: a frauta, o cello e o piano.

Samudra Trío   MUIÑEIRA de Rogelio Groba





 



venres, 1 de marzo de 2024

Os soños na gaiola

 Este año celebraremos o 17 de maio, día das nosas letras, cun concerto da man da Banda de música  de Ordes e a carón dos compañeiros e compañeiras dos outros centros do noso concello.

Interpretaremos sete poemas de Manuel María, recollidos no libro "Os soños na gaiola" e musicados polo cantautor Suso Vaamonde.

Deixo aquí os sete poemas interpretados por Suso Vaamonde para que cantedes e preparedes o concerto.

A FOUCE 

O MEU BARCO
A RODA RODA
O ARCO DA VELLA

O RIO
O LOBO
CARACOL






martes, 23 de xaneiro de 2024

30 de xaneiro

 Celebramos  o Día da Paz cantando. Podedes lembrar músicas e cancións de cursos pasados nos enlaces que hay na dereita da páxina do blog. 

Comezamos cunha canción de Los secretos con texto en galego realizado polos rapaces de  5º de primaria de Marín  adaptando a letra  á  actualidade. 

Ficar durmido


Vivan las manos de colores   Un canción con moito ritmo para bailar.

Un planeta de Paz

Color esperanza, interpretado por un  coro infantil.

Ogallá a música sexa a mellor das armas para lograr a Paz nestes tempos revoltos.

Celebramos cantando a Paz, pero tamén lle cantamos ao amor no día da Candeloira, 2 de febreiro, cando casan os paxariños.






venres, 24 de novembro de 2023

Imos ao concerto: Pulcinella e a máscara máxica

" Que triste está Pulcinella! Perdeu a súa máscara e non a atopa... Sen ela non poderá acudir ao baile. Pasou un martes de Entroido de 1527, no día Grande de Nápoles. Xunto coa súa amiga Colombiba correrán mil aventuras ata atopar a máscara coa que poder disfrazarse para ir á festa."

O alumnado de 5º de primaria asistirá o próximo venres, 1 de decembro, a un concerto. A Real Filharmonía de Galicia interpretará a suite Pulcinella de Igor Stravinsky acompañada da bailarina Marta Placer.

O compositor: Igor Stravinsky

Igor Stravinsky é un dos compositores máis coñecidos e importantes dentro do mundo da música clásica, considerado, incluso,  o mellor compositor do século XX.  

Naceu en San Petesburgo ( Rusia) en 1882. O seu pai, cantante de ópera, pertencía a unha familia importante da cidade. Aínda que de neno aprendeu a ler partituras e tocar o piano, o seu pai nunca apoiou o seu interese pola música.  En  1902, despois da morte do seu pai, coñeceu a Rimski-Korsakov, (un dos compositores rusos máis importante do momento) quen se converteu no seu profesor de música e con quen aprendeu a compoñer.

 

Stravinsky compuxo,  durante 60 anos, obras que abranguen gran cantidade de estilos e formas: compuxo óperas, sinfonías, pezas para piano e ata obras para grupos de jazz.

 Adquiriu fama internacional con tres ballets: O paxaro de lume (1910), Petrushka (1911/1947) e A consagración da primavera (1913). 


Pulcinella

Pulcinella ou Polichinela é un personaxe da Commmedia dell’Arte italiana utilizada no teatro de titeres dende o século XVll . Representa a un criado astuto  cunha gran habilidade para resolver todos os problemas que se lle presentan.

 

Decorado realizado por Pablo Picasso en 1920 para o Ballet Pulcinella
 Pulcinella é un ballet cuxa música foi composta por Igor Stravinsky . O ballet está baseado nunha obra do século  XVIII sobre o personaxe Pulcinella . A obra estreouse na ópera de París o  15 de maio de 1920.  A bailarina Léonide Massine creou o libreto e a coreografía , e Pablo Picasso deseñou os traxes e decorados orixinais.

En 1922 Stravinsky suprimiu as partes cantadas do ballet dando lugar á suite que imos escoitar no concerto.

 Que é un ballet?

O ballet clásico ou danza clásica é unha forma de danza cuxos movementos se basean nun control total e absoluto do corpo, recoméndase comezar dende cedo polo seu grao de dificultade. A diferenza doutras danzas, no ballet cada paso está codificado. As mans, os brazos, o tronco, a cabeza, os pés, os xeonllos, todo o corpo participan invariablemente nunha conxunción simultánea de dinámicas musculares e mentais que deben expresarse en total harmonía de movementos.

O termo ballet tamén se usa para designar unha peza musical composta, a propósito, para ser interpretada a través da danza . O ballet é unha das artes escénicas.

 

Se queres saber máis sobre o ballet fai clic na imaxe 


Aquí vos deixo algúns fragmentos do que imos escoitar:
Pulcinella:  "Vivo"
Pulcinella: Sinfonía



Que instrumentos recoñeces nos dous primeiros videos? A que familia pertencen? Soan todos ao mesmo tempo?


Un dos números musicais que compoñen a suite de Stravinsky é unha Tarantella Napolitana.  É unha danza rápida, de ritmo ternario que, segundo se dicía antiguamente, servía para curar a picadura da tarántula, cuxo veneno é moi perigoso. 

E si bailamos unha tarantela...? 







xoves, 5 de outubro de 2023

Chegou o outono?

 Aínda que non o pareza estamos no outono. O tempo parece dicirnos que o verán non quere marchar, a pesar que levamos un par de semanas nesta estación, máis na clase de música recibímolo cantando  “Xa chegou o outono, xa chove,  xa vai frío...”. 

Como en cursos anteriores, neste mes cantámoslle ao outono con coplas que falan das castañas, do magosto, das vendimas pero tamén cantamos cancións que nos falan do día de Samaín e das cousas que nos dan medo.

Podes escoitar algunhas destas cancións clicando nos enlaces que tes na dereita da páxina do blog.



Neste trimestre o alumnado do terceiro ciclo realizará unha árbore xenealóxica musical e tendo en conta que o noso centro está celebrando o seu 50 aniversario o tema da árbore será "A música na escola dos nosos pais e avós". 

Déixovos enlaces ás árbores musicais realizadas en cursos anteriores: 

"A música que nos emociona".  O alumnado do curso 2019-20 realizou unha árbore xenealóxica coas músicas recollidas nas entrevistas familiares relacionándoas coas emocións que cada un dos temas seleccionados lles transmitiu no seu momento.
 

"Un bosque musical galego". O alumnado do curso 2017-18 fixo a súa árbore investigando sobre a música galega.


           Xa me tarda ver e escoitar  o bosque musical da escola das familias do Castelao!  


                            



 

domingo, 17 de setembro de 2023

xoves, 1 de xuño de 2023

Músicos na aula: Nico, saxofonista e Lorenzo co seu bombardino.

 Esta mañá, na aula de música,  o alumnado de primeiro e segundo nivel, recibiron a visita de dous músicos do Castelao, Nico e Lorenzo. 

Nico Pereiro amosoulles un saxofón, explicou as partes que ten o seu instrumento e interpretou unha pequena peza para que todos escoitaran como soa. 


Despois tocoulle o turno a Lorenzo Montaldo que nos trouxo un bombardino e nos contou como é o instrumento e como se toca. Tamén interpretou unha pequena peza que nos gustou moito a todos. 


Moitas grazas, Nico e Lorenzo. Esperamos escoitarvos moitas máis veces. 

A continuación o alumnado de 2ºC recitou un conto, "O cuco sen niño", coa axuda dalgúns compañeiros e compañeiras  de quinto que puxeron son en directo á historia. 

   Parabéns pola actuación e moitas grazas polo traballo e colaboración!   


xoves, 25 de maio de 2023

A raíña do Rock, Tina Tarner

 Hoxe lembramos e homenaxeamos á raíña do rock and roll, Tina Tarner . A súa voz, a súa forma de moverse nos escenarios e a enerxía e vitalidade que transmitiu en cada unha das súas aparicións cautivaron a todos os amantes do rock e do mundo da música e serviu de inspiración para moitos artistas.

 Grazas Tina polo teu legado.

 David  Bowie e Tina Tarner

 

Mick Jagger e Tina Tarner










luns, 10 de abril de 2023

Os maios

   “A Festa dos maios é a festa da primavera, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Significa  o  reverdecer das plantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do  horizonte  e coller altura e forza “(Vicente Risco)

     A festa dos Maios é unha festa popular de orixes ancestrais, incluso dátase o seu nacemento na prehistoria cando os primeiros homes se preguntaban sobre esa forza renovadora que cada ano , tras a época das chuvias e o frío, facía brotar a semente e revestía os campos de variadas cores.

   As civilización grega, fenicia, celta e romana festexaron “os maios” con diferentes rituais que foron asimilados na Idade Media polas civilizacións cristiás.

  O   ciclo dos maios  comeza  na segunda metade do mes de abril e remata na primeira quincena de xuño, coa celebración relixiosa do Corpus.

Dende  épocas remotas, os galegos celebraban  coa festa dos maios a  chegada da primavera e o remate do cru inverno para  propiciar deste xeito a obtención de boas colleitas. Nos tempos actuais, as festas dos maios son a última manifestación folclórica que festexa en Galicia o final do inverno.  Nalgunhas vilas mozos e mozas vístense  con ramallos, follas e flores e cantan cantigas satíricas polas rúas das vilas. Noutras zonas colócanse  ramas de xestas e fiuncho  nas portas e fiestras das casas e tamén nos coches e fanse coroas e colares de flores.  Os maios máis coñecidos son os figurativos, entre os que dominan os de forma cónica ou piramidal, feitos con armazóns de varas ou canas, recubertos con plantas e decorados con laranxas bravas, flores e ovos.

          Cando os paxariños deixan ver seus amores

           e traen nos piquiños as primeiras flores...

           Levántate maio que tanto durmiches, 

           xa pasou o inverno e ti non o viches!

        
Parte importante dos maios son as cantigas,  tradicionais ou novas, que se cantan ao seu arredor acompañadas polos ritmos feitos con dous paus curtos. Estas  coplas  están formadas por versos de catro estrofas con estrutura de romance  que fan alusións á ledicia pola chegada da primavera e o rexurdir da vida, ao traballo realizado na elaboración do maio ou a críticas sobre personaxes populares.

             Para facer este maio, tivemos que ir roubar
          o fiuncho e mailas flores para podelo adornar.
          Pobres dos xardíns,  dos montes e prados, 
          Quedaron sen nada por onde pasamos.


Son moitos os músicos que lle cantan ao maio ou lle poñen son aos poemas que os nosos escritores lle adicaron a esta data.

Aí vén o maio 

(poema de Curros Enríquez musicado por Luís Emilio Batallán)


Aí vén o maio

(nunha versión de novas voces galegas)
Maio
(Habelas hainas)



Maio Longo

(Poema de Rosalía de Castro na versión de Carlos Núñez)

Maio Longo

(Arranxo para frauta e outros instrumentos escolares)


Canción dos Maios  con acompañamento de percusión


Non ven al maio

(A partires dunha cantiga de Alfonso X escoitamos esta mestura da música medieval e o jazz)
Non ven al Maio
(instrumental   Na Lúa)


O maio

 (Pablo Quintana)

Estrela de maio

 (Na Lúa)


Maio maduro Maio
(madredeus)


Maios
Cantometrics







A peor xogada

 Comezamos o derradeiro trimestre deste curso e na aula de música  preparámonos para celebrar Os Maios, pero antes,  con motivo da celebración do día internacional contra o acoso escolar, cantaremos xuntos esta fermosa e reivindicativa canción sobre o bullying que nos ofrece o grupo "A música das baleas" do Ceip de Caión"                                     

                                              A peor xogada





martes, 21 de marzo de 2023

Benvida, Primavera


  Chegou a primavera  e recibímola cun poema de Manuel María e coa música de Vivaldi


Antonio Vivaldi naceu en Venecia (Italia) en 1678. Aprendeu a tocar o violín dende moi pequeno da man do seu pai. Con quince anos iniciou estudos para facerse cura mentres seguiu estudando música. 

Ordenouse sacerdote e, debido a unha enfermidade respiratoria que padecía, deixou de facer misa. Conseguiu traballo como profesor de música nun orfanato. Coa orquestra e o coro do Hospicio da Piedade fíxose famoso internacionalmente.  Vivaldi tiña o cabelo de  cor vermella polo que lle puxeron  o alcume o cura vermello.

Escribiu máis de 800 obras e sentou as bases, como compositor, do modelo de concerto italiano en tres movementos, rápido-lento-rápido.

Escoitemos o 1º movemento da suite As catro estacións que nos describe a primavera .



Aquí vos deixo outro vídeo co tema do 1º movemento da Primavera de Vivaldi en forma de musicograma: cando se repite un tema musical aparece o mesmo debuxo, máis grande ou máis pequeno segundo a intensidade.

E agora unha versión a ritmo de rock

Unha  fermosa cantiga sobre a primavera. Está en portugués pero seguro que entenderedes o texto do karaoke: Cançäo da primavera









luns, 20 de febreiro de 2023

Imos ao concerto: Mini Mozart

 A vindeira semana o alumnado de 3º, 4º e 5º nivel asistirá a un concerto didáctico no auditorio de Santiago de Compostela para achegarse á música de Mozart da man da Real  Pilharmonía de Galicia. 

Aquí vos deixo dous vídeos para que coñezades un pouco máis da vida deste  xenial compositor.


 Os vídeos que vos deixo a continuación conteñen as obras de Mozart que imos escoitar no concerto. Algunhas xa as traballamos na clase. Recoñécelas?

As vodas de Fígaro. Abertura
Unha pequena serenata nocturna. 1º movemento

Pequena serenata nocturna. 4º movemento

                                    

Sinfonía nº40. 1º movemento



Sinfonía nº 38 "Praga". 3º movemento
Sonata piano nº 11. Rondó alla turca.
Don Giovani:  aria “Deh viene alla finestra” 


Don Giovanni: aria “Madamina! Il catalogo é questo” 


domingo, 12 de febreiro de 2023

Imos ao concerto: Música e evolución

O alumnado de sexto asistirá a un concerto didáctico de música tradicional da man de Pablo  Carpintero e Rosa Sánchez.

Neste concerto didáctico empréganse 43 instrumentos musicais galegos diferentes usando un fío condutor que consiste en explorar o paralelismo entre a evolución da nosa especie e o desenvolvemento físico e musical dun neno e unha nena galegos. Os músicos vannos explicar  como se desenvolvían as vidas musicais de nenos e de nenas dentro da nosa cultura tradicional  e  como cada proceso ten unha base relacionada coa nosa evolución como especie e coa nosa bioloxía e psicoloxía. 

Pablo Carpintero, músico, artesán e investigador galego é  o autor da investigación publicada polo Consello da Cultura Galega sobre os Instrumentos musicais na tradición galega que podes consultar clicando na imaxe:





xoves, 26 de xaneiro de 2023

Paz e alegría

Con motivo da celebración do  Día da Paz e a Non violencia  escoitamos o Himno da alegría neste FlashMob da Orquestra Sinfónica del Vallés.

Déixovos tamén a versión de Miguel Ríos para que cantedes.



Himno de la alegría (Miguel Ríos)




Na parte dereita do blog tedes entradas de cursos anteriores onde podedes escoitar algunha das propostas que fixemos na aula esta semana.





E non esquezas que o próximo xoves é o día da Candeloria, o día que casan os paxariños!
Fai clic na imaxe para lembrar as cancións que traballamos na aula.








mércores, 19 de outubro de 2022

Estamos no tempo ... Magosto e Samaín

"Chegou o outono, tempo de castañas..." así comeza a canción que cantamos esta semana.

Tempo de castañas, noces, cogumelos, figos, uvas: tempo de magosto.

Pero tamén estamos no tempo no que falamos dos medos. Bruxas, cabazas, esqueletos, arañas, morcegos... adornan escaparates, rúas e lugares públicos estes días.  

Nós celebramos o  tempo do Magosto e  Samaín con moita música!

Tres castañas polo chan





 




Se queres escoitar outras cancións que cantamos en cursos anteriores fai clic no cadro Festas de outono que tes na dereita desta páxina. 

sábado, 21 de maio de 2022

Luthiers 2022

 O alumnado de 5º e 6º  exerceu de luthier este trimestre creando uns estupendos instrumentos musicais con materiais de refugallo. Algúns deles inspiráronse no país que traballaron durante o curso e presentaron instrumentos tradicionais do país correspondente ou fixeron unha interpretación musical propia dese lugar co seu instrumento. Finalmente prepararon unha exposición agrupando todos os instrumentos por familias. Aquí vos deixo unha mostra.











Parabéns aos luthiers do Castelao e a todas as familias que colaboraron neste traballo! 

luns, 7 de marzo de 2022

Un oito de marzo máis

 


Celebramos o 8 de marzo o día da muller e celebrámolo porque aínda son moitas as desigualdades que existen no mundo entre homes e mulleres.

Na aula de Música temos visto o traballo silenciado que desenvolveron moitas compositoras e intérpretes ao longo da historia. Podes lembralo clicando Silenciadas.

Tamén estudamos como outra arte, a pintura, nos mostra o papel que xogaron as mulleres  no mundo da Música  en cada unha das etapas da Historia: cantando, danzando, estudando,  ensinando, tocando, compoñendo, escoitando, calmando, namorando... Pingueiras nun mar de música.

Son moitas as cancións que temos bailado e cantado na clase feitas ou interpretadas por mulleres galegas. Lembra algunhas delas no puzle Mulleres na Música galega

Este ano comezou petando moi forte para as mulleres da música galega. Zeltia Montes, gañou o Goya á mellor música orixinal pola película El buen patrón. No seu  discurso na recollida do premio reivindicou emocionada o traballo das mulleres compositoras. Podes escoitar parte desta obra clicando na imaxe.


Con motivo de seleccionar unha canción que representara a España no festival de eurovisión as Tanxugueiras mostráronlle ao mundo  a nosa lingua, as nosas danzas, o noso xeito de cantar e tocar as pandeiretas.
Para rematar déixovos  a cantiga "Son muller" do grupo Máis boas que as patacas, que conseguiron o primeiro premio no Quero cantar do 2017, e unha divertida reflexión sobre a iguadade que fai una firma publicitaria.
Son muller



Ellos también pueden






domingo, 13 de febreiro de 2022

Día de Rosalía

 O día 23 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro, a nosa escritora máis ilustre. 

Son moitos os músicos que se achegaron á obra de Rosalía transformando os seus poemas en cancións. Aquí deixo unha pequena mostra dalgúns deles que escoitaremos e cantaremos estes días na escola. 

Un repoludo gaiteiro interpretado por Amancio Prada

Airiños airiños aires na versión de Juan Ramos e Carol Sospedra

Adios ríos, adios fontes nunha versión moi rockeira de Astarot


O moucho cantado por Migallas

Vamos bebendo, interpretada por Amancio Prada e Martirio

Has de cantar, interpretada por Uxía

Alborada interpretada polo gaiteiro Carlos Nuñez e a cantante Wöiza

Airiños airiños aires na versión de Os Tamara


Negra sombra con Luz Casal